VII concurso de fotografía e III de vídeo ‘Xenerosidade’

13 Set 2022

A Fundación CERMI Mujeres (FCM) convocou os premios da nova edición do concurso de fotografía e vídeo Xenerosidade, que poñerá o foco no acceso á xustiza das mulleres con discapacidade.

Trátase da VII edición do concurso de fotografía e da III edición do concurso de vídeo, cuxo obxectivo este ano é visibilizar os obstáculos que enfrontan as mulleres con discapacidade para acceder á xustiza.

Baixo o título Xustiza para todas!: Polo dereito a un acceso á xustiza sen discriminación, poderán participar no certame todas as persoas interesadas enviando as súas fotografías ou vídeos ao correo coordinacion@fundacioncermimujeres.es antes do 15 de outubro de 2022.

As obras fotográficas han de ser remitidas en formato dixital cunha resolución mínima de 300 píxeles por polgada e as pezas de vídeo poderán ter unha duración máxima de dous minutos e medio.

O xurado valorará especialmente a orixinalidade, estética, sensibilidade social, capacidade crítica e comunicativa e adecuación ao tema proposto. De igual maneira, valorarase o cumprimento dos demais parámetros de accesibilidade universal nas obras.

Haberá tres premios para a categoría de fotografía que estarán dotados con 3.000, 2.000 e 1.000 euros cada un.
Para a categoría de vídeo os premios serán de 3.000, 2.000 e 1.000 euros, respectivamente.
Ademais, o xurado poderá realizar mencións especiais para outras obras que considere de especial interese.

Máis información