Bacharelato en Canadá ou EE.UU: Bolsas da Fundación Amancio Ortega

12 Set 2022

A Fundación Amancio Ortega convoca 400 bolsas (70 para Galicia), co obxecto de facilitar a mozos/as de institutos españois un proceso de inmersión nunha cultura estranxeira, á vez que perfeccionan a aprendizaxe da lingua inglesa, durante un ano académico.

A bolsa cobre o custo íntegro dos servizos necesarios para cursar un ano académico en Canadá ou Estados Unidos: viaxe de ida e volta á localidade de destino, taxas de escolarización e matrícula nun instituto público, aloxamento e manutención nunha familia anfitrioa, seguro médico e de accidentes, convalidación do curso académico e unha pequena asignación mensual para gastos menores.

A bolsa inclúe, ademais, unha serie de actividades dirixidas á formación dos estudantes bolseiros e á tramitación dos seus expedientes antes da saída ao país de destino.

O Programa está dirixido a mozos e mozas de 4º curso de ESO.
Convócanse un total de 400 bolsas para estudar Primeiro de Bacharelato en Canadá ou en Estados Unidos: 70 bolsas asignaranse a participantes de centros da Comunidade Autónoma de Galicia e 330 a participantes de centros do resto de España.

Requisitos:
Estar cursando 4º curso de ESO.
Ter feitos os cursos académicos de 1º, 2º e 3º de ESO conforme ao sistema educativo español.
Obter unha nota media mínima de 7 puntos en 3º de ESO.
Obter unha nota mínima de 7 puntos na materia de inglés en 3º de ESO.

O prazo para o envío das solicitudes estará aberto ata o 11 de outubro de 2022 ás 13:00 h.

https://becas.faortega.org/