A Xunta promove un campo de voluntariado en Cíes durante todo o verán para colaborar na conservación das illas

12 Ago 2022

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, visitou aos mozos e mozas de entre 18 e 30 anos que participan no campo de voluntariado Illas Cíes, que se centra na conservación e mantemento da contorna natural. O programa, desenvolvido en pleno Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas, acolle ata este venres ao seu terceiro grupo de voluntarios. Esta é a terceira quenda das catro que se desenvolven ao longo de xullo e agosto.

Os 15 participantes desenvolven tarefas de mantemento da illa, vixilancia de lumes ou información e sensibilización dos visitantes, xunto con intervencións puntuais en colaboración cos técnicos medioambientais do parque, entre outras. Ademais de gozar doutras actividades complementarias entre as que destacan: exercicios de mergullo, rutas guiadas ou veladas temáticas, acompañadas de obradoiros sobre distintas disciplinas. 

Durante a visita, Cristina Pichel destacou a importancia do voluntariado para preservar unha contorna natural como a das Cíes, que tan importante resulta preservar para evitar a perda de diversas especies protexidas. Neste sentido, subliñou que estes campos de voluntariado fornecen á mocidade formación en habilidades básicas, ao tempo que gozan de dúas semanas na natureza e con todo tipo de actividades de lecer.


Este campo de voluntariado forma parte da maior campaña de verán do Executivo autonómico. Conta con máis de 10.800 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos Coñece Galicia en establecementos turísticos e prazas para a organización de actividades por parte de entidades sociais.