II Concurso de Vídeos 'Móvete polos ODS'

14 Xul 2022

O II Concurso de Vídeos 'Móvete polos ODS' busca dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) de Nacións Unidas e sensibilizar a comunidade universitaria e a sociedade en xeral sobre a importancia de que todas as persoas formen parte da solución aos grandes retos mundiais en materia de desigualdade, cambio climático ou perda de diversidade, entre outras cuestións.

Esta é unha convocatoria que promove a Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD), da que forman parte as tres universidades galegas, e que premiará aqueles vídeos dun minuto de duración, en formato mp4, coa temática de como se pode contribuír individualmente á consecución dalgunhas das 169 metas nas que se materializan os obxectivos.

Á convocatoria pode presentarse todo o alumnado matriculado nas universidades galegas. A temática terá unha relación directa coa contribución individual ou de cada organización á Axenda 2030 e aos seus obxectivos. Cada traballo proposto dará a coñecer os ODS e exporán algún compromiso concreto respecto ao Obxectivo elixido.

Premiarase a creatividade, innovación e impacto dos vídeos, que deberán non ter recibido ningún outros premio ou mención noutras convocatorias. A presentación de propostas poderá realizarse ata ás 14.00 horas do 30 de setembro.

A duración máxima dos traballos presentados será dun minuto e poderán estar producidos en cor ou en branco e negro. Poderán presentarse en resolución de 1280x720p, aínda que a ideal é 1920x1080p.

No caso de que figuren persoas que poidan ser recoñecidas, deberán acompañarse o traballo das correspondentes autorizacións para a cesión da imaxe e, no caso de menores, da autorización asinada por proxenitores ou titores legais. Os vídeos non poderán conter mensaxes comerciais, marcas rexistradas ou logotipos de produtos recoñecibles. A organización resérvase o dereito de descualificar aquelas obras que incumpran este requisito.

Os premios para os vídeos máis votados en Youtube consistirán nunha dotación económica de 550 euros para o traballo máis votado; 350€ para o segundo premio; e 200€ para o terceiro. Outorgarase igualmente un premio á innovación, con 400€, no que se terá en conta o axuste á temática do concurso, o grao de innovación da presentación, a súa orixinalidade e creatividade e a calidade técnica.

https://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/modules/news/news_0051.html