Bono Coidado para conciliación familiar

08 Xul 2022

A Consellería de Política Social e Xuventude convoca axudas a través do programa Bono Coidado, ás familias con nenos e nenas residentes en Galicia de ata 12 anos de idade, estes incluídos, para a atención de necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante os períodos de vacacións escolares, que teñan lugar entre o 1 de xaneiro e o 14 de setembro de 2022.

Entenderanse como períodos de vacacións escolares os seguintes:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo.
– Do 11 ao 18 de abril.
– Do 23 de xuño ao 14 de setembro.

Persoas beneficiarias: os pais/nais e as persoas titoras de nenos e nenas de ata 12 anos de idade, estes incluídos, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia e se atopen nos supostos seguintes:
a) Que o neno ou a nena sexa menor de trece anos no momento no que se produce o suposto para o que se solicita a axuda.
b) Que os ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida, estean efectivamente traballando, no suposto de solicitudes por enfermidade ou accidente do neno ou nena e/ou por asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar atoparse nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais:
1º. Enfermidade ou accidente do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual.
2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención do neno ou nena.
3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual que impidan a atención do neno ou nena.
4º. Situacións puntuais de coidado de familiares, do neno ou nena ou da persoa coidadora habitual, ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade sempre que impidan a atención do neno ou nena.
b) Necesidades en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións sempre que ambos pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, familias monoparentais ou pais/nais con custodia non compartida acrediten que por motivos laborais non poden facerse cargo da atención do neno ou nena.

Poderán ser obxecto de subvención os seguintes gastos:
1º. Contratación laboral dunha persoa empregada do fogar de forma temporal para o coidado do neno ou nena.
2º. Contratación de servizos de atención á infancia a domicilio.
3º. Asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude, en concreto, atención en ludotecas, espazos infantís ou servizos complementarios de atención á infancia.
4º. Asistencia a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados por calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

Tipo de axuda e contía:
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior. A contía máxima da axuda será:
a) De 500 euros por unidade familiar no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada neno ou nena, no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Xuventude ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenos e nenas nos períodos de vacacións escolares.

As solicitudes tramitaranse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) co formulario BS412A
O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2022
Máis información no DOG do 8 de xullo de 2022 e en http://politicasocial.xunta.gal