Youtubeiras 2022

02 Xun 2022

Os premios Youtubeiras teñen como finalidade ser acicate da creación no Youtube en galego con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na Rede.

Poden optar a estes premios todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube autoproducidas. No caso de que a persoa participante sexa menor de idade, esta inscrición irá acompañada da autorización do pai/nai ou titor/a legal mediante o documento que se facilita na web do proxecto Youtubeiras (www.youtubeiras.gal).

As canles de Youtube inscritas ao concurso teñen que:
- Ter como mínimo un vídeo subido a partir do 22 de outubro do 2021 co cancelo #youtubeiras.
- Non ter restricións de privacidade.
- Os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes (de habelos) teñen que estar en galego.
- Estes vídeos poden conter subtítulos de activación opcional no Youtube noutras linguas.

As canles de Youtube presentadas deben ter a maioría dos vídeos en galego.
Non se poden presentar listas de reprodución aos premios.
Fican expresamente excluídos os traballos que promovan unha mensaxe violenta, denigrante ou ofensiva.

O prazo para inscribir as canles nos Premios Youtubeiras é do 27 de setembro de 2022 ao 15 de novembro de 2022 ás 23.59 h. A participación está aberta ao ámbito internacional e é de balde.
As persoas participantes deben inscribirse a través do formulario que figura na web www.youtubeiras.gal e indicar a URL da canle.
Cada creador/a pode inscribir máis dunha canle.

Establécense 8 premios: 7 valorados en 1000 € e un de 500 €. Un total de 7500 € en premios.

Os premios son:

CANLE, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade, a periodicidade dos contidos, a creación e o mantemento de comunidade (uso doutras redes sociais, identidade da canle e imaxe coidada, colaboracións, creacións colectivas…) e a repercusión do contido no Youtube, noutras redes sociais e nos medios de comunicación.

YOUTUBEIRA/O, dotado con 1000 €. Optan a este premio as persoas creadoras das canles inscritas. Valorarase a capacidade da/o youtubeira/o de crear contido de referencia, a súa capacidade comunicativa, a súa calidade lingüística e creativa. Tamén se valorará a calidade dos contidos, a súa periodicidade e a súa repercusión na sociedade.

YOUTUBEIRA/O REVELACIÓN, dotado con 1000 €. Poderán optar a este premio todas aquelas persoas que non se inscribisen nos Premios Youtubeiras nin fosen propostos no Premio do Público en ningunha das edicións e que presenten unha canle que conteña polo menos un vídeo subido logo do 22 de outubro de 2021. Valorarase a capacidade de xerar novas temáticas, ideas, formatos e contidos.

VÍDEO, dotado con 1000 €. Optan a este premio os vídeos que compoñen as canles presentadas e que están subidos entre o 22 de outubro de 2021 e o 15 de novembro de 2022. Valorarase a calidade dos contidos, a calidade lingüística, a creatividade e a capacidade de transmitir a mensaxe.

CALIDADE LINGÜÍSTICA, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase a calidade e o coidado da lingua na canle (en todas as súas variantes dialectais) a nivel fonético, gramatical e lexical.

PIONEIRO, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Valorarase o feito de que se introduza a lingua galega nun campo no que é pouco usada no Youtube.

REDE, dotado con 1000 €. Optan a este premio as canles inscritas. Volararanse aquelas canles que teñan a capacidade de crear e fortalecer a rede virtual (crear comunidade a través do Youtube e doutras redes sociais vinculadas) ou a rede real (crear vídeos de xeito colectivo e/ou promovidos polo tecido asociacionista).

DO PÚBLICO, dotado con 500 €. Este premio outorgaráselle ao vídeo máis votado proposto polo público. Resultará gañador aquel vídeo que despois dun proceso de votación na Rede e da ratificación do xurado, consiga máis votos (ver anexo específico para o premio do público).
Cada persoa participante só pode recibir un premio e ser finalista en dúas categorías. Ningún dos premios quedará deserto. Todas as categorías terán tres finalistas. Pode haber premios compartidos se o xurado así o considera.

Poderán facerse as propostas do Premio do Público a través do formulario que está habilitado na web (www.youtubeiras.gal). O vídeo gañador dependerá das votacións do público e non do número de veces que foi proposto a través do formulario habilitado para propoñer candidaturas neste premio.
Os vídeos propostos polo público deben reunir os mesmos requirimentos especificados nas bases xerais:

Con todas as propostas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá nas redes sociais do proxecto e que estará habilitado dende o 18 ao 25 de novembro de 2022 ás 23.59 h.

Os 3 vídeos que reciban máis votos nese prazo serán os finalistas do Premio do Público e o xurado ratificará a dita votación atendendo as bases xerais.

O Premio do Público está valorado en 500 €.

Máis información https://youtubeiras.gal/Bases/ 

Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Moaña, Negreira, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.