Correspondentes Xuvenís coa tarxeta Xente Nova

30 Mai 2022

O equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Rosalía de Castro de Santiago de Compostela participou o 27 de maio nun acto promocional da tarxeta de transporte Xente Nova.

No acto participaron tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez e a Directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel.

Esta é a crónica que nos envían Zaira Martínez, Pablo Barriuso e Martín Pardo.

"O venres 27 de maio celebrouse o primeiro aniversario da tarxeta xente nova. Unha inicitiva promovida na nosa comunidade autónoma que facilita o transporte interurbano entre a mocidade (4 a 21 anos) de xeito gratuíto, cun total de 60 viaxes mensuais. Ademais, tamén permite a viaxe gratuíta nos barcos dos servizos Cangas-Vigo e Moaña, así como no tren metropolitano en Ferrol.

Para cubrir a noticia os correspondentes xuvenís do IES Plurilingüe Rosalía de Castro acudimos a San Caetano e baixamos no autobús, acompañados polo presidente da Xunta e doutros asistentes ao evento, ata estación intermodal onde se desenvolveu o acto.

Cabe destacar o discurso de participación da nosa compañeira, Lucía Sobrado Louzao, que resaltou a importancia desta iniciativa para dar autonomía e liberdade de movemento á mocidade, así como igualdade de oportunidades económicas nas diferentes familias.

Por último, o presidente da Xunta, Alfono Rueda Valenzuela, pechou o acto agradecendo a participación de todos e todas e asegurando a continuidade desta iniciativa, xa que entende que é deber da administración asegurar e facer máis doada a vida das mozas e mozos de Galicia".