Subvencións a proxectos de voluntariado xuvenil

27 Mai 2022

A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, que realicen proxectos desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2022.

O dito programa consiste en instar a participación nas entidades de acción voluntaria e nas entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, das persoas mozas galegas para a súa colaboración como persoas voluntarias.

Proxectos subvencionables
Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria a desenvolvan persoas mozas de idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Para as persoas menores de 18 anos precísase, ademais, autorización da nai, pai ou persoa que exerza a titoría legal.

Estes proxectos que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, desenvolveranse, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes actividades:
a) Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
b) Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
c) Actividades con colectivos en situación de risco.
d) Actividades xuvenís.
e) Actividades ambientais.
f) Actividades relacionadas coa igualdade de xénero ou aquelas que desenvolvan medidas orientadas á prevención e sensibilización en materia de violencia de xénero.
g) Actividades relacionadas co ámbito familiar.
h) Actividades relacionadas coa posta en valor do medio rural.
i) Actividades relacionadas co benestar das persoas maiores.
j) Actividades relacionadas coa COVID-19 no actual contexto de crise sociosanitaria.

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro de 2022. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e se son inferiores sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6 horas.

Requisitos:
- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarias ou voluntarios.
- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias.

As solicitudes presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS320A
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 27 de xuño de 2022.
Máis información no DOG do 27 de maio de 2022 e en www.voluntariadogalego.org