Talento 30: subvencións para a contratación de menores de 30 anos

20 Abr 2022

A Consellería de Emprego convoca o programa Talento 30, subvencións para promover a práctica profesional e a formación en competencias brandas das persoas mozas menores de 30 anos mediante contratos formativos.

Liñas de axuda:
– Liña 1: programa Talento 30 en prácticas, mediante contratos para a obtención de práctica profesional, subscritos con persoas traballadoras menores de 30 anos que estean en posesión de título universitario (grao, máster ou doutoramento), ou título de grao medio ou superior, especialista, máster profesional ou certificado do sistema de formación profesional así como daquelas persoas que posúan un título equivalente de ensinanzas artísticas ou deportivas.
– Liña 2: programa Talento 30 formación en alternancia, mediante contratos de formación en alternancia que se realicen con persoas traballadoras menores de 30 anos, e que poderán celebrarse con persoas que carezan da cualificación profesional recoñecida polas titulacións ou certificados requiridos para concertar un contrato formativo para a obtención de práctica profesional. Poderanse realizar contratos vinculados a estudos de formación profesional con persoas que posúan outra titulación sempre que non tivese outro contrato formativo previo nunha formación do mesmo nivel formativo e do mesmo sector produtivo.

Entidades beneficiarias: empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia.

A contía máxima da subvención será de:
– 20.225 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 1 e 2: 16.625 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.
– 16.900 € para as persoas mozas contratadas nos grupos de cotización 3 a 7: 13.300 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.
– 13.575 € para as persoas mozas contratadas no grupos de cotización 8 a 11: 9.975 € en concepto de incentivo á contratación e 3.600 € que se destinarán á impartición dun programa de formación en competencias brandas cunha duración de 80 horas.

As persoas mozas serán contratadas a tempo completo durante un período mínimo de 12 meses.

O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 30 de setembro de 2022.
As solicitudes tramitaranse en https://sede.xunta.gal co procedemento TR353C
Máis información no DOG do 20 de abril de 2022