II edición do Programa de Residencias Artísticas FMJJ

07 Abr 2022

A II edición do Programa de Residencias Artísticas FMJJ ampla dunha a dúas o número de residencias, co obxectivo de profundar nas relacións entre creación artística, pensamento crítico e participación social, así como fortalecer o contexto cultural galego, promovendo proxectos creativos de interese social vinculados á comunidade.

O Programa de Residencias Artísticas FMJJ incide na creación dun marco conceptual e diferencial que contribúa á interpretación de problemáticas contemporáneas e ofreza outras posibilidades de lectura e comprensión do que nos rodea. Configurar contornas favorables para o desenvolvemento do pensamento crítico e a arte asociados a aspectos como a identidade patrimonial, a ecoloxía ou o medio ambiente, facilitar un achegamento horizontal a novos modos de inserción no territorio, de lectura e interpretación do espazo paisaxístico, natural e rural contemporáneo ou fomentar valores de protección e difusión do patrimonio natural e cultural de Galicia, a través da arte contemporáneo, son outros dos obxectivos perseguidos con este programa. Por iso, consideraranse os proxectos segundo a súa orixinalidade e innovación, a súa coherencia cos obxectivos da convocatoria, así como a súa capacidade para crear redes de colaboración multidisciplinar.

Dotadas cun máximo de 6.000 euros por residencia, proporcionarase tamén aos artistas un espazo de traballo individual en NORMAL*, acompañamento curatorial e recursos materiais e económicos para a produción de proxectos inéditos, así como aloxamento na residencia universitaria Rialta ou residencia universitaria Elvira Bao, segundo dispoñibilidade.

As residencias artísticas terán unha duración mínima dun mes, podendo prorrogarse ata un máximo de tres meses e poderá realizarse durante o terceiro cuadrimestre do ano, de setembro a decembro.

O prazo de presentación das solicitudes está aberto ata o 12 de xuño de 2022

*NORMAL é un espazo cultural activo da Universidade da Coruña, un espazo de intervención, de creación e de debate.

https://www.fundacionmariajosejove.org/programa-de-residencias-artisticas-fmjj-convocatoria-2022/