Premios Educacompostela de recursos educativos

19 Xul 2022

O Concello de Santiago de Compostela e Nova Escola Galega convocan os Premios Educacompostela co fin de recoñeceren, promoveren, premiaren e difundiren publicamente aqueles materiais educativos que, polo seu valor e interese, poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

Os materiais didácticos que se presenten poderán estar dirixidos:
- Aos diferentes niveis do ensino e poderán tratar sobre calquera tema que cumpra abordar no desenvolvemento do currículo nos centros educativos, ben sexa en educación infantil, primaria, secundaria ou en etapas postobrigatorias.
- Aos diferentes contextos de acción socioeducativa, podendo tratar de calquera temática relativa aos ámbitos de traballo da pedagoxía-educación social e os colectivos destinatarios en diferentes organismos e institucións.

Os materiais presentados deberán ser orixinais, inéditos e estar redactados ou elaborados en lingua galega. Non poderán participar aqueles traballos que fosen premiados con anterioridade.

Cada material ou conxunto de materiais deberá ir acompañado dun texto explicativo cun máximo de 15 páxinas que de conta das súas características, estrutura, obxectivos, destinatarios/ as, integración no currículo e proceso de elaboración, experimentación e avaliación seguido.
Poderá participar individualmente ou en grupo quen teña producido materiais didácticos sobre os temas relacionados.

No sobre exterior farase constar:

Concello de Santiago de Compostela
Departamento de Educación
"XIV Edición dos Premios Educacompostela”
Praza do Obradoiro, s/n
15705 Santiago de Compostela

Tanto os concursantes individuais como os equipos deberán acollerse a un pseudónimo.
No interior dun sobre pechado, rotulado por fóra con pseudónimo, incluiranse os datos persoais.

Premios:
Primeiro premio: 1.200 €
Segundo premio: 900 €
Terceiro premio: 600 €

O prazo para presentar traballos estará aberto ata o 23 de setembro de 2022.

BASES