Estiquecantas.gal é un proxecto para espallar nas redes o legado de Rosalía de Castro
Na web podes encontrar diferentes formas de achegarse á obra de Rosalía de Castro, ben a través de audiolibros e pílulas audiovisuais, ou mesmo mediante unha unidade didáctica e un concurso. Todas as propostas teñen en común que “a voz de cada persoa atope na de Rosalía un camiño de descubrimento”, indica o equipo responsábel da posta en marcha deste proxecto, o equipo de Rebordelos.
Ilustración de Laura Romero https://eleromero.com/
As propostas:
Fiestras, está formada por unha serie de pílulas audiovisuais a cargo do cineasta Xacio Baño que afondan na relación da obra de Rosalía de Castro coa súa vida.
Unidade didáctica para que os institutos que o desexen poidan traballala, levada a cabo por María López Sández.
A terceira proposta está a ligada á mocidade e á xeración Z co concurso #estiquecantas, enfocado a rapaces e rapazas de entre 12 e 18 anos, que se desenvolverá nas redes sociais Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar.
As persoas participantes crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers...) no que mostrarán o que lles inspira a obra da escritora, con vistas a compartilo a partir do 23 de febreiro e ata o próximo 15 de marzo. O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva- dará a coñecer os nomes dos gañadores e gañadoras o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.
A cuarta parte do proxecto son os audiolibros da obra en galego de Rosalía de Castro concibidos como “unha ferramenta para multiplicar a súa voz dende a accesibilidade e a implicación directa coas lectoras e lectores, coas e cos ouvintes”. Deste xeito, todos e todas as ouvintes poderán escoitar a obra completa de Rosalía de Castro en galego: Cantares gallegos, Contos da miña terra e Follas novas, sumando máis de 150 audios en total, ademais de ter a posibilidade de consultar as obras anteriormente citadas en PDF.
Es ti que cantas é un proxecto de Rebordelos que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Fundación Rosalía de Castro.