Xuventude destaca o labor dos e das correspondentes na difusión da información xuvenil entre o alumnado

18 Feb 2022

A Xunta destaca o labor dos e das correspondentes xuvenís na difusión da información entre o alumnado. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo un encontro cos participantes universitarios/as da UDC na Facultade de Economía e Empresa da Coruña. Este programa, a maiores da implantación que xa ten na ESO, realízase tamén en colaboración coas tres universidades galegas.

Está iniciativa ten por obxecto conseguir que a mocidade universitaria galega estea informada dos diferentes programas, accións e iniciativas que a Xunta de Galicia lle ofrece, así como outra información de interese. Son os propios estudantes, como correspondentes universitarios, os encargados de transmitir esa información, o que favorece a súa participación activa tanto na elaboración como na difusión da información entre iguais.

Ademais de estar ao día das posibilidades de ocio e formación que se convocan para eles, os correspondentes universitarios verán recoñecido o seu esforzo e tempo investidos no programa a través dun certificado de educación non formal en materia de xuventude. No eido académico, as tres universidades ofrecen a posibilidade de convalidar créditos ECT, segundo cadanseu convenio específico. Ademais, os interesados poderán solicitar gratuitamente o carné de alberguista. Así mesmo, e sempre que a situación sanitaria o permita, poderán participar nun encontro autonómico de correspondentes universitarios.