A Universidade de Santiago incorpora 25 novos traballos de divulgación científica e tecnolóxica en lingua galega a TED (Technology, Entertainment and Design).
Con estes son xa 149 as charlas TED deste ámbito que teñen versión en lingua galega grazas ao concurso que organizaron as comisións de normalización lingüística (CNL) dos centros da USC que imparten titulacións relacionadas coa saúde: Ciencias, Enfermaría, Farmacia, Medicina e Odontoloxía, Óptica e Optometría, Psicoloxía e Veterinaria.
Os vídeos poden verse ademais no propio TED, escollendo como lingua o galego. Tamén están dispoñibles tanto no web do SNL, como na súa canle de Youtube, como en Proxector, o espazo que reúne audiovisuais en galego para a docencia. Pode cumprir nalgúns casos activar a opción de galego nos subtítulos na rodiña da configuración.
A errada realción entre imaxe corporal e saúde
Vídeo de TED (9´ 38´´) no que a antropóloga médica Nancy N. Chen nos fala dos conceptos culturais existentes sobre o corpo humano, e como estes inflúen no noso xeito de estar no mundo. Descubrirás como mudaron os ideais corporais ao longo do tempo, pasando a ser na cultura occidental corpos cada vez máis delgados. Esta fenda entre o real e o ideal afecta á nosa imaxe e tamén á nosa saúde. A doutora Chen explícacho nesta charla.
Tradución ao galego de Marta GaNov, galardoada co primeiro premio do TEDsaúde 2021.