Cooperativa xuvenil. Axudas á mocidade para o emprendemento en economía social

21 Xan 2022

Queres crear unha cooperativa xuvenil?

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca o Programa Aprol-economía social con axudas para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras temporais a cooperativas e sociedades laborais.

Programa I: fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (procedemento TR802G).

Este programa busca fomentar a incorporación de persoas socias traballadoras ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais, con carácter indefinido ou en proba.
Poderán acollerse a estes incentivos as cooperativas e sociedades laborais que incorporen en centros de traballo situados en Galicia, como persoas socias traballadoras ou de traballo a proba, entre outros colectivos, a persoas menores de 30 anos (ou menores de 35 anos cando se trate de persoas con discapacidade) que no momento da incorporación estean desempregadas e inscritas como demandantes de emprego.
Por cada persoa que se incorpore con carácter indefinido e a xornada completa, a subvención ascenderá a 6.000 €
Por cada mozo ou moza incorporada como persoa socia traballadora ou de traballo a proba a subvención ascenderá a 600 € ao mes, por un período de entre 6 e 12 meses.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil*.

Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (procedemento TR802J).

Dirixido ao fomento do acceso á condición de persoas socias traballadoras ou de traballo, de cooperativas ou de sociedades laborais, así como ao fomento do acceso de persoas emprendedoras por conta propia á condición de socias de cooperativas.
A contía da subvención ascenderá un 25 % se se trata dunha cooperativa xuvenil*.

Persoas e entidades beneficiarias
a) As cooperativas e sociedades laborais que contraten ou incorporen socios/as.
b) As persoas desempregadas que formen unha cooperativa.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 30 de setembro de 2022.
As solicitudes tramitaranse na sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.gal/ cos formularios TR802G e TR802J.
Máis información no DOG do 21 de xaneiro de 2022 e en https://emprego.xunta.gal/portal/index.php/es/?option=com_content&view=article&id=228 

*Consideranse cooperativas xuvenís as constituídas maioritariamente por persoas socias traballadoras menores de 30 anos, ou 35 se se trata de persoas con discapacidade.