Campaña "Ler conta moito" para empresas de dinamización cultural

04 Xan 2022

A Xunta abre o prazo da campaña de dinamización da lectura nas bibliotecas 'Ler conta moito 2022'

Á convocatoria deste ano poden concorrer persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á dinamización cultural. Todos eles incorporarán actividades que se porán a disposición das bibliotecas públicas para que poidan seleccionalas para a súa programación durante o ano 2022.

Como novidade, poderanse incorporar ata tres actividades por empresa e, neste caso, polo menos unha delas deberá estar especificamente orientada a promover a igualdade ou a loita contra a violencia de xénero.

As propostas estarán dirixidas a potenciar a imaxe das bibliotecas e fomentar o acceso igualitario á cultura. Valorarase que promovan a lectura, a escritura ou a creación artística; difundan a cultura e a lingua galega; divulguen o coñecemento; se centren no pensamento crítico, a innovación e a creatividade; e favorezan a construción social participativa, igualitaria e inclusiva.

Poderán incluírse obradoiros creativos, actividades de narración oral como contacontos, lecturas en voz alta, recitais, regueifas e similares, propostas de divulgación literaria como encontros con autores, clubs de lectura e similares, así como iniciativas de divulgación científica ou charlas sobre temas de interese social ou cultural.

Tamén poderán incluírse propostas do audiovisual como proxeccións, audicións, ciclos arredor do cine e a música, creación de contidos dixitais, proxectos de artes escénicas, exposicións ou roteiros para descubrir escenarios literarios, entre outros. O prazo está aberto ata o 31 de xaneiro.

DOG do 27 de decembro de 2021