DiscoverEU. Viaxa por Europa

11 Out 2021

DiscoverEU é unha iniciativa da Unión Europea que che ofrece a oportunidade de descubrir Europa a través da túa propia experiencia.

Desprazándote principalmente en tren (hai excepcións para as persoas que viven en illas ou en zonas remotas), descubrirás as impresionantes paisaxes de Europa e a súa gran variedade de cidades e pobos.

Se tes a cidadanía da Unión Europea e 18 anos de idade, DiscoverEU ofréceche a oportunidade de gozar da experiencia dunha viaxe que che permitirá aproveitar a liberdade de circulación na Unión Europea, explorar a diversidade de Europa, aprender sobre a historia e o patrimonio cultural europeos e coñecer persoas de todo o continente. Ademais, grazas a DiscoverEU, podes desenvolver habilidades para a vida que che serán de gran utilidade no futuro, como a independencia, a confianza e a apertura a outras culturas.

Excepcionalmente, quen podía presentar a súa candidatura nas dúas edicións de 2020, que foron canceladas pola pandemia de COVID-19, poderán volver presentarse a esta edición.

A nova edición de DiscoverEU estará aberta entre o 12 de outubro, ás 12.00 h e o 26 de outubro, ás 12.00 h.

Como podes participar?

Para poder participar, tes que:
- nacer entre o 1 de xullo de 2001 e o 31 de decembro de 2003 (ambos inclusive).
- ter a nacionalidade dun dos Estados membros da Unión Europea no momento da concesión dos bonos.
- encher un número de documento de identidade ou pasaporte válido no formulario de candidatura en liña.

Despois terás que responder a un cuestionario (salvo se presentas a túa candidatura como membro dun grupo). Se a túa candidatura resulta seleccionada, poderás facer unha viaxe de entre un e trinta días de duración desde o 1 de marzo de 2022 ata o 28 de febreiro de 2023.

Podes ir só/soa ou engadir a ata catro persoas que haberán de cumprir as condicións de admisión anteriores formando un grupo. Ten en conta que os outros membros do grupo utilizarán o teu código de candidatura para presentar a súa propia.

E se tes algunha dúbida, podes enviar a túa consulta ao correo eurodesk@injuve.es e tentarán axudarche.

https://europa.eu/youth/discovereu_es