Medidas de prevención nas actividades de tempo libre con poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís

08 Out 2021

No DOG do 8 de outubro recollense as medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia, que modifican ordes anteriores.

3.26. Actividades de tempo libre dirixidas á poboación infantil e xuvenil e albergues e campamentos xuvenís.

1. Poderanse realizar actividades de tempo libre destinadas á poboación infantil e xuvenil sempre que se limite o número de participantes ao noventa por cento da capacidade máxima.

2. As actividades que se realicen por grupo deberán traballar procurando limitar o contacto entre eles. Cada grupo terá asignado, cando menos, un monitor, que se relacionará sempre co seu mesmo grupo. Así mesmo, primaranse as actividades que non requiran contacto físico e non se poderán realizar actividades que impliquen contacto físico constante entre participantes.

3. Os albergues e campamentos xuvenís poderán manter unha ocupación de ata o setenta e cinco por cento da súa capacidade máxima.

Deberán establecerse as medidas necesarias para procurar manter a distancia de seguridade interpersoal nas instalacións de acordo co establecido no punto 1.3*

No caso dos campamentos, a ocupación nas tendas de campaña será do 75 % da súa capacidade máxima habitual, garantindo sempre a distancia interpersoal.


* 1.3. Distancia de seguridade interpersoal.

Na organización das distintas actividades deberán adoptarse as medidas necesarias para garantir a distancia interpersoal mínima de 1,5 metros, establecida pola Lei 2/2021, do 29 de marzo, de medidas urxentes de prevención, contención e coordinación para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola COVID-19, entre grupos de persoas non conviventes.

Cando, polas condicións de desenvolvemento da actividade e capacidade máxima autorizadas en cada caso de acordo coas medidas de prevención previstas neste anexo, non sexa posible manter a dita distancia de seguridade, non se permitirá o consumo de alimentos e bebidas, deberá usarse máscara en todo momento, garantir unha adecuada ventilación e o cumprimento das medidas de prevención e hixiene aplicables, de acordo co establecido neste anexo, sen prexuízo de que se deba procurar manter a máxima separación posible entre os diferentes grupos de persoas non conviventes, así como o debido control para evitar as aglomeracións.

DOG do 8 de outubro de 2021