Programa de doutoramentos industriais

05 Out 2021

A Xunta de Galicia convoca axudas para a formación de doutores e doutoras das universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG) en empresas, Programa de doutoramentos industriais.

O Programa de doutoramento industrial ten como obxectivos:
- Promover a colaboración efectiva e a transferencia de coñecemento entre as universidades do SUG e o tecido empresarial mediante a sinatura de convenios ou acordos que regulen o desenvolvemento dun proxecto de investigación industrial.
- Potenciar a captación de mozos e mozas investigadores e investigadoras para que desenvolvan proxectos de investigación nas empresas que os contraten e que lles permitan obter un doutoramento industrial en sectores de interese estratéxico rexional.
- Posibilitar a incorporación de persoal doutor mozo ás empresas, unha vez que remate a axuda e desta maneira abrirlles novas saídas profesionais.
- Fortalecer a colaboración entre as empresas e as universidades do SUG.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:
- As empresas e os centros de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia que desexen contratar investigadores ou investigadoras predoutorais para realizaren un proxecto de investigación industrial en colaboración cunha universidade do SUG que lles sirva como traballo de tese de doutoramento e sexa do seu interese.
- As universidades do SUG que desexen participar na execución dun proxecto de investigación industrial ou de desenvolvemento experimental que se desenvolva en colaboración cunha empresa ou centro de innovación e tecnoloxía con domicilio social ou centro de traballo en Galicia e asumir a dirección dunha tese de doutoramento asociada.

O prazo para presentar solicitudes estará aberto ata o 5 de novembro de 2021.
Máis información no DOG do 5 de outubro de 2021.