MO_CIDADE 2021 ENCONTRO DA XUVENTUDE CREATIVA E EMPRENDEDORA

05 Out 2021

22 e 23 de outubro de 2021, Cidade da Cultura de Galicia, Santiago de Compostela

A Consellería de Política Social da Xunta de Galicia pon en marcha a segunda edición de Mo_cidade: Encontro da xuventude creativa e emprendedora, un espazo de formación, creatividade,  emprendemento, cultura e lecer que permitirá establecer sinerxías, compartir experiencias, proxectos e ideas, e impulsar á xuventude no seu desenvolvemento persoal e profesional.

O encontro, de carácter presencial, ten como obxectivo promover e estimular a creatividade, a participación e o espírito emprendedor da mocidade galega a través dun espazo aberto ao diálogo entre as persas participantes.

Mo_cidade busca asentarse como un evento de referencia para os mozos e mozas grazas a unha programación multidisciplinar, moderna e á vangarda das novas correntes e sectores emerxentes.

A inscrición neste evento, totalmente gratuíta, dará acceso a todas as mesas redondas, charlas e dinámicas do evento, aos concertos musicais, así como ao aloxamento e almorzo durante os días do encontro (noites do venres e sábado).

Ademais, o espazo contará cunha zona de networking e unha zona expositiva con stands de diferentes entidades e asociacións xuvenís e de voluntariado.

Consulta aquí o programa completo do encontro!

 

 

 

Datas de realización: 22 e 23 de outubro de 2021

Lugar de realización: Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, Santiago de Compostela (A Coruña)

Enlace Google maps: https://goo.gl/maps/svaEyUNkgozgQTYMA

Destinatarios: mozos e mozas galegas de entre 18 e 30 anos de idade (incluídos)

Prazas ofertadas: 200

Prazo de inscrición: do 5 de outubro ao 15 de outubro de 2021

Inscrición: será en liña a través deste formulario electrónico.

 

Formulario

 

Procedemento de adxudicación de prazas: as prazas asignaranse por estrita orde de inscrición.

A confirmación da praza farase por correo electrónico no prazo máximo de tres días hábiles tras realizar a inscrición. Unha vez confirmada a praza haberá un prazo de 48 horas para remitir por correo electrónico:

  • Fotocopia escaneada do DNI/NIE.
  • Declaración responsable sobre a Covid-19 (descargar modelo)

Esta documentación debe enviarse ao enderezo de correo electrónico programas.xuventude@xunta.gal indicando no asunto o programa ao que está inscrito (Mo_cidade 2021).

No caso de que o número de solicitudes sexa superior ao número de prazas ofertadas establecerase unha lista de reserva por orde de entrada.

A ausencia de datos, que estes sexan erróneos, enviar mal a documentación ou non enviala, ocasionará a baixa automática do encontro e as prazas quedarán dispoñibles para as persoas en lista de reserva.

As persoas admitidas que por calquera motivo non poidan finalmente asistir ao encontro, deberán comunicalo a través dun correo electrónico (programas.xuventude@xunta.gal) cunha antelación mínima de catro días naturais á data de inicio do evento, co fin de poder asignar as prazas vacantes aos solicitantes da lista de reserva.

De non facelo así quedarán excluídas da participación en sucesivas edicións deste encontro e nos demais que poña en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Cobertura: aloxamento será nas instalacións do Monte do Gozo en réxime de aloxamento e almorzo en cuarto de uso individual ou múltiple.

A restante manutención (comida e cea) será por conta das persoas inscritas. Para este efectos instalaranse na Cidade da Cultura food trucks de comida e bebida e espazos habilitados para xantar.

Transporte: a organización poñerá a disposición das persoas inscritas autobuses para desprazarse entre o aloxamento do Monto do Gozo e a Cidade da Cultura de Galicia. O traslado entre a localidade de domicilio e Santiago de Compostela será por conta das persoas inscritas.

Acreditación: o acceso a todas as actividades do encontro, tanto as desenvolvidas no interior como no exterior, así como ao servizo de transporte e/ou aloxamento, esixe que a persoa moza participante se acredite, como hora límite, ás 10:00 horas do sábado 23 de outubro de 2021. Deste xeito, o horario de acreditación abrirase o venres in situ no evento e finalizará o sábado ás 10:00 horas. De non presentarse neste horario e, salvo causa xustificada, a persoa quedará excluída das actividades programadas.

Máis información:

programas.xuventude@xunta.gal

981 545 702/ 981 544 645 (de 9 a 14 horas, L-V)