Galicia Nomeada. Voluntariado para a difusión da toponimia galega

29 Set 2021

Galicia Nomeada é unha plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. Esta ferramenta informática permite que o voluntariado cultural de Galicia (particulares, asociacións veciñais e culturais, comunidades de montes, centros de ensino, confrarías, entidades públicas e privadas...), desde un PC, tableta ou smartphone conectado a internet, poidan achegar os topónimos da súa aldea, parroquia ou concello, segundo unha metodoloxía predefinida.

Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio cás persoas que o habitan e que transmitiron durante varias xeracións, co seu uso, un ben cultural tan valioso. Podes facer as túas achegas cos topónimos que mellor coñezas rexistrándote nesta plataforma. Unha vez que accedas ao sistema, poderás seguir o estado dos topónimos novos que nos envíes e suxerir correccións aos xa recollidos na túa aldea ou parroquia.

Cantos topónimos coñeces da túa parroquia ou concello? A través dun xogo poderás descubrir cantos topónimos do teu concello coñeces realmente.

https://galicianomeada.xunta.gal/sixtop/inicio