O Pazo de San Roque acolleu esta mañá a entrega de premios da X edición de Lingua de Namorar, o concurso en liña de mensaxes de amor que busca dinamizar o uso da lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e nas tecnoloxías da información e da comunicación. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, recibiron hoxe ás persoas gañadoras para facerlles entrega de cadanseu galardón.
Na categoría A, que inclúe os mozos e mozas de 14 a 19 anos, resultaron gañadoras co primeiro, segundo e terceiro premio respectivamente as mensaxes Penso en ti, de María Rey Villar (A Coruña), Sol e Lúa, de Lucas Paz González (A Coruña) e Amar mentres a vida avanza lento, de Lara Hernández Iglesias (A Pobra do Caramiñal).
Pola súa banda, os textos premiados na categoría B para os participantes de 20 a 35 anos foron, en primeiro lugar, Rea(r)mar, de Lara Álvarez Álvarez (Redondela), en segunda posición, O fío da vida, de Leticia Cid Cid (San Cibrao das Viñas), e, pechando o podio, KÓX3G∆S, de Andrea López Otero (Pantón), quen non puido estar presente no acto de entrega.
Na categoría C, incluída por primeira vez nesta edición para os participantes que se animaran a compartir as súas mensaxes de amor a través de Instagram, estreou o premio acumulando o maior número de “gústame” na dita rede social, José María Trigo González (Pontevedra).
Nas dúas primeiras categorías, o primeiro premio foi unha bicicleta eléctrica, o segundo unha tableta de 10,1 polgadas e o terceiro unha cámara deportiva. Na nova categoría para Instagram, o único premio foi tamén unha bicicleta eléctrica. A maiores, todas as persoas gañadoras recibiron unha peza de artesanía conmemorativa da X edición de Lingua de Namorar xunto cun lote de libros e música de literatura galega sobre Xela Arias, autora homenaxeada polas Letras Galegas 2021.