A Xunta e o Clúster de Turismo ofrecerán co Carné Xove un 10% de desconto en medio cento de establecementos hostaleiros de Galicia

28 Mai 2021
  • A conselleira de Política Social, Fabiola García, asinou hoxe co presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo González, un convenio de colaboración no Hotel Meliá María Pita da Coruña
  • O Goberno galego está a enviar o Carné Xove, que xa é gratuíto e indefinido, ao 100% das mozas e mozos de entre 12 e 30 anos

A Xunta de Galicia e o Clúster de Turismo ofrecerán co Carné Xove un desconto do 10% en medio cento de establecementos turísticos da comunidade. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asinou hoxe co presidente deste organismo, Cesáreo González, un convenio de colaboración no Hotel Meliá María Pita, na Coruña, polo que unhas 400.000 persoas de entre 12 e 30 anos terán vantaxes na hospedaxe, na compra de produtos ou na adquisición de servizos turísticos en hoteis, casas rurais, cámpings ou balnearios.

Trátase dunha das iniciativas postas en marcha polo Goberno galego o pasado mes de decembro para dar continuidade a este carné con tanta tradición na Comunidade e que inclúe descontos no ámbito cultural, no aloxamento, nos transportes, no comercio ou no ensino. Unhas vantaxes que son recoñecidas en toda España e nos 40 países europeos adheridos ao programa Carné Xove Europeo.

Fabiola García sinalou, entre outras novidades desta axuda, que pasará a ser gratuíta, indefinida e accesible ao 100% da xuventude galega. Así mesmo, a Xunta porá en marcha unha aplicación móbil que permitirá ter acceso a un listado de descontos e promocións xeolocalizados e ofreceranse descontos no establecementos locais adheridos á Federación Galega de Xoves Empresarios.

Establecementos adheridos

Os establecementos que ofrecerán descontos na provincia da Coruña serán: Altavela Servicios Náuticos (Sada), Casa Rural Muiño Das Cañotas (Cariño), Casa Lourán (Monfero), Casas Do Campo (Monfero), Hotel Hesperia A Coruña Centro (A Coruña), Grandes Pequeñas Casas (Santiago de Compostela), Hotel La Terraza (Miño), Hotel Alda El Suizo (Ferrol), Entre Os Ríos Casa Rural (A Pobra do Caramiñal), Vertigo Aventura (Lousame), Asociación Profesional De Guías De Turismo De Galicia (Santiago), Meliá Maria Pita (A Coruña), Hotel Oca Insua (Cee), Hotel Tryp Santiago (Santiago) e Viaxes Galitur (Ferrol).

En Lugo os establecementos dispoñibles: O Tumbin Ponte Dos Santos Restaurante (Ribadeo), Aisi Art (Ribadeo), Isla Nova Hotel (Foz), Duerming Villa De Sarria (Sarria), Hotel Pazo De Berbetoros (Portomarín), Balneario Do Río Pambre (Palas de Rei) e Hotel O Val De Naseiro (Viveiro).

Na provincia de Ourense faranse descontos en: apartamentos Ribeira Sacra (Parada de Sil), Xuresactivo Experiencias (Lobios), Adegas Celme (Castrelo de Miño), Complexo Turístico Do Couto Mixto (Baltar), Hotel O Balcón Da Ribeira (Parada de Sil) e Carrioza Aloxamento (Parada de Sil).

Por último, en Pontevedra atópanse os seguinte establecementos: Casa Rodiño (Meaño), Señorío De Rubiós (As Neves), Hotel Montemar (O Grove), Camping Muiñeira (O Grove), Essenzial Home Galicia (O Grove), Hotel Tryp Los Galeones (Vigo), Hotel Peregrina (Portonovo), Galiwonders (Pontevedra), Hotel Sena (Caldas de Reis), Viajes Fisterra Slu (Sanxenxo), Albergue Rincón Del Peregrino (O Porriño), Adrenalicia Parque De Paintball (O Grove), Alecrin Actividades Y Aventura (Vigo), Camping Liméns (Cangas), Hotel Ría Mar (Meaño), Hotel Gaivota (Sanxenxo), Hotel O Castro (O Grove) e Paris Dakart Área Recreativa (Sanxenxo).