Recollida solidaria de material informático

16 Abr 2021

A asociación estudantil IEEE Uvigo Student Branch, na que se atopan estudantes das diferentes titulacións de enxeñaría que se imparten na Universidade de Vigo, vén de anunciar unha proposta solidaria de recollida de ordenadores, equipos que eles mesmos disporán nun espazo cedido pola Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa idea de repartilos entre as familias con menos recursos.

Recollen todo tipo de material informático, tanto de particulares como de empresas. Máis polo miúdo, amais de computadores (tanto portátiles como de sobremesa), poderá entregarse todo tipo de material informático: monitores, teclados, ratos, fíos de conexión, discos duros, memorias...

Para doar hai que completar un formulario, no que queda rexistrado o correo electrónico da persoa doante e a través do cal se porán en contacto con ela no intre da recollida.

Os membros voluntarios do IEEE UVigo serán os encargados de limpar estes equipos a fondo e instalarlles un set de aplicacións de software libre, para que o equipo poida empregarse desde o primeiro día en que se realice a entrega. Unha vez arranxados e equipados serán entregados á ONG Accem, que será a encargada de darllos ás familias en risco de exclusión ás que axuda.