Galiciencia 2021

06 Abr 2021

A Tecnópole e a axencia GAIN abriron o prazo de inscrición para os obradoiros de Galiciencia, a feira científico-tecnolóxica da nosa terra, que este ano volve en formato en liña para garantir ao máximo a seguridade das e dos participantes e tirar o máximo proveito das posibilidades que ofrecen as novas ferramentas de comunicación.

Galiciencia está dirixida a estudadntes de primaria, secundaria e bacharelato.

O evento celebrarase os días 26, 27 e 28 de maio, coa temática A innovación Pos-COVID a través da revolución do talento.

Está aberto o prazo para que a rapazada se inscriba nos talleres que se van desenvolver nesta edición; poderase facer ata o vindeiro 30 de abril a través de https://www.galiciencia.online/

Tamén podes participar presentando o teu propio proxecto a través do teu centro educativo

A cita abrirase o 26 de maio cun espectáculo científico dinámico e interactivo que versará sobre O mundo e as pandemias, en palabras da Tecnópole “unha aproximación á historia das grandes pandemias e á importancia da ciencia e a tecnoloxía para a súa solución”. Durante o espectáculo levaranse a cabo diferentes experiencias prácticas como a visualización das principais vías de contaxio empregando luz ultravioleta, ou a comprobación experimental da eficiencia das máscaras.

Os centros educativos recibirán un kit con materiais para que o alumnado poida desenvolver cada actividade

Os estudantes de Primaria poderán participar en dous obradoiros: Como pode voar un helicóptero en Marte?, inspirado na misión Mars2020 da NASA, sobre a que hai postas as esperanzas de lograr o primeiro voo con motor noutro planeta, e máis o taller CSI, un achegamento á relación entre ciencia e tecnoloxía e a investigación policial, mediante a resolución dunha misteriosa desaparición.

O alumnado de Secundaria poderá participar na actividade creativa Espiando a coroa, centrada en calcular a dimensión dun cabelo a través de luz láser. Tamén, en Microbioloxía para entender o mundo os/as rapaces/zss terán a oportunidade de descubrir, mediante exemplos cotiáns, como a microbioloxía xoga un papel fundamental tanto na nosa saúde como no noso día a día.

https://www.galiciencia.online/