Subvencións a proxectos de voluntariado

31 Mar 2021

A Consellería de Política Social convoca subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividades de voluntariado durante o ano 2021 nas seguintes áreas:

a) Área de sensibilización: o obxectivo destes programas será o de difundir entre toda a sociedade galega a importancia e o valor da participación solidaria de carácter voluntario. Trátase de fomentar o voluntariado a través de actividades de sensibilización como:
- Desenvolvemento de xornadas, seminarios, charlas e actividades dirixidas a dar a coñecer a realidade das entidades de acción voluntaria, así como á promoción e captación de voluntariado.
- Realización de campañas que fomenten a sensibilización da sociedade galega cara ao voluntariado e ás súas organizacións.
- Estudos encamiñados a coñecer a realidade do voluntariado galego nos seus diferentes niveis de actuación: local, comarcal, etc.
b) Área de formación: persegue unha modernización e adaptación permanente das entidades de acción voluntaria á realidade social a través destas liñas fundamentais:
- Formación de persoas responsables de voluntariado e das persoas voluntarias.
- Fomento e incorporación de novas tecnoloxías dentro das entidades como, por exemplo, o deseño e mantemento de páxinas web.
c) Área de coordinación: as accións fomentarán o traballo en rede e a coordinación entre as diferentes entidades incorporando, de xeito transversal, as actuacións desenvolvidas nos diferentes eidos do voluntariado.

Beneficiarias
Entidades de acción voluntaria de carácter privado de Galicia que realicen proxectos de voluntariado durante o ano 2021, desde o 1 de xaneiro ata o 31 de outubro, e que se desenvolvan dentro das áreas de intervención previstas na Estratexia de acción voluntaria 2016-2018.

Requisitos:
a) Que as entidades de acción voluntaria de carácter privado estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
b) Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.
c) Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

As solicitudes presentaranse en http://sede.xunta.es co procedemento BS508B
O prazo para a presentación das solicitudes estará aberto ata o 30 de abril de 2021.
Máis información no DOG do 31 de marzo de 2021 e en www.voluntariadogalego.org