Residencia Literaria Cidade da Cultura

25 Mar 2021

A Xunta de Galicia lanza a Residencia Literaria Cidade da Cultura, un novo programa deseñado para o apoio e acompañamento de escritores emerxentes e inéditos, baseado no intercambio de experiencias e a posta en común de coñecementos.
Trátase dun proxecto especialmente concibido para menores de 35 anos que, baixo a dirección do escritor Javier Peña, terán a oportunidade de compartir impresións e aprendizaxes con grandes figuras do panorama literario actual, como Sara Mesa e Berta Dávila, que participarán nesta primeira edición.

A Residencia Literaria da Cidade da Cultura nace baixo a premisa de que unha das dificultades que enfrontan os escritores noveis é a soidade da creación, a falta de guía no proceso e a ausencia de valoración externa. Deste xeito, o programa quere facilitarlles aos seus participantes a disección do proxecto literario propio ao tempo que lles invita a aprender da análise dos traballos dos compañeiros tamén da análise de lecturas relacionadas coa súa escrita, de charlas con autores de primeiro nivel ou intercambios con outras disciplinas artísticas.

O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de abril.
Poderán participar persoas nadas ou residentes en Galicia que queiran desenvolver ou mellorar un proxecto inédito de narrativa.
Poderá tratarse de novelas de ficción, novelas de non ficción (autoficción) ou coleccións de relatos, ben completados e aínda non publicados, ou obras en diferentes estados de desenvolvemento.

As dez persoas seleccionadas participarán, de balde, nun programa intensivo de actividades que se desenvolverá na Cidade da Cultura entre o luns 5 de xullo e o venres 16 de xullo de 2021. As persoas interesadas poden xa consultar as bases do programa en cidadedacultura.gal, de cara a preparar o seu dossier de participación, no que deberán anexar un informe sobre o proxecto que lles gustaría desenvolver ao longo da residencia.

https://www.cidadedacultura.gal/gl/novas/residencias-literaria-no-gaias-con-figuras-actuais-como-javier-pena-sara-mesa-e-berta-davila