A Fundación María José Jove inaugura o que sería o primeiro museo 100% virtual de España.
Consiste nunha plataforma virtual, dixital, interactiva e aberta para a arte, a cultura e a investigación. O MUV foi concibido ademais como un recurso para estreitar a relación entre artistas e entidades culturais de todo o mundo. Deseñado polos arquitectos Creus e Carrasco, o MUV emprázase nun lugar imaxinario de Galicia, recollendo “o espírito da paisaxe e a identidade da terra”.
O MUV pode ser visitado como unha páxina web cunha visualización dixital ou a través de Realidade Virtual (para o que son precisas unhas lentes RV).
A entidade ten na súa sede da Coruña un espazo físico de visualización virtual e outro no espazo Normal da Universidade da Coruña, coincidindo cunha primeira exposición.
O MUV desenvólvese nunha contorna tridimensional e inmersiva xerado por computador para “proporcionar un mundo simulado que facilita a interactuación e a experimentación do usuario”.
Asemade, quérese que manteña vencellos directos cos proxectos asociados ás bolsas, aos premios e ás residencias artísticas promovidas pola Fundación María José Jove, así como coa Colección de Arte FMJJ, contribuíndo ao apoio visualización dos traballos dos artistas apoiados pola entidade.