Quero Cantar!!

15 Mar 2021

A Deputación da Coruña convoca o V Concurso musical “Quero Cantar”
 
Pode participar calquera grupo ou solista de ámbito galego que presente e interprete unha composición con letra e música orixinais e inéditas, cunha idade de entre 13 e 16 anos.

Categoría Xuvenil
Idade: de 13 a 16 anos
Número máximo de compoñentes: 12
Permítese tamén que haxa excepcións ao límite de idade inferior, é dicir, compoñentes menores de 13 anos, sempre que o número de excepcións sexa inferior ao 50% de membros totais do grupo

O premio será o seguinte Programa Formativo:

A. Titorización creativa.
Titorización por parte dun ou dunha artista de recoñecida traxectoria na música galega para o desenvolvemento dunha canción.
Cada grupo ou solista participante debe achegar a idea para unha canción en estado inicial, obviamente, distinta daquela que xa presentaron ao certame. Durante un período de catro semanas, e durante dúas horas semanais, a titorización desenvolverase en liña polos medios e nos horarios que de común acordo se establezan entre o grupo e a persoa titora.
Este período en liña culminará durante unha fin de semana na que a canción ha ser gravada polo grupo e pola persoa titora nun estudio profesional. Nesa mesma xornada gravarán tamén a maqueta presentada ao concurso e pola que cal o grupo ou solista foron seleccionados.

B. Obradoiro de difusión musical en redes sociais.
Esta proposta formativa orientará os grupos e solistas participantes sobre ferramentas, técnicas e canles para tirarlle o maior proveito á difusión da música en Internet.
Este obradoiro formativo realizarase nun estudio audiovisual profesional durante a mesma fin de semana na que se realice a gravación en estudio da canción.

Desde a tarde do venres ata a tarde do domingo da fin de semana de formación presencial, as e os participantes aloxaranse no Pazo de Mariñán, en Bergondo, desde onde se desprazarán aos estudios correspondentes.
Na tarde do venres programarase un primeiro encontro presencial coa persoa titora de cara a preparar a gravación da canción.
Os gastos derivados dese aloxamento así como os do transporte aos dous estudios son asumidos pola Deputación provincial.
O desprazamento ata Mariñán e o regreso aos domicilios familiares son por conta das e dos participantes.
A Deputación tamén porá aos dispor dos participantes un servizo de monitorado para o seu acompañamento durante esta fin de semana.

O prazo para presentarse ao concurso estará aberto ata ás 14.00 horas do día 30 de setembro de 2021
Máis información no BOP da Coruña do 15 de marzo de 2021 e en www.querocantar.gal