Cambia o mood: activa o modo bosque

15 Mar 2021

Mocidade do concello de Santiago lanzou unha campaña nas redes sociais para encher a nosa terra de máis árbores con motivo do Día Internacional dos Bosques, que se celebra o 21 de marzo impulsada a nivel mundial polas Nacións Unidas.

Trátase dunha iniciativa que mobiliza a participación e a creatividade da cidadanía, xa que son as usuarias e usuarios das redes sociais quen se encargan de contribuír ás novas plantacións.

Estamos a falar da Cambia o mood: activa o modo bosque.

A iniciativa pon o foco na xuventude. Convídase á poboación xuvenil a incrementar aínda máis un patrimonio ambiental de por si rico, diverso e completo: os bosques de Santiago B1FOTO1ARBOREPLAY(arredor de 5.000.000 metros cadrados dentro do municipio).

Entre as accións eixo desta campaña, está o movemento en redes sociais #1foto1arbore. O spot da mesma xa pode visualizarse en liña.

Por cada foto, o Concello de Santiago plantará unha árbore. O labor será realizado mediante o Obradoiro de Emprego Creas III, na especialidade de repoboación forestal. Plantaranse carballos e bidueiras na finca municipal da Remuíña e tamén no Monte Viso.

Como participar:
1. Subir unha foto nas redes sociais nun entorno de natureza. Pode ser en Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Tamén serven as stories!
2. Utilizar o hashtag #1foto1arbore.
3. Etiquetar a @TalentiaSummit.

Ademais nos vindeiros días instalarase un photocall de neón de 5 metros de ancho por 3 de alto, preto da Porta dos Leóns que dá entrada ao paseo da Ferradura da Alameda. “Será un espazo aberto á creatividade de todas e todos os que non queiran desaproveitar a oportunidade de facerse unha foto curiosa e diferente ao mesmo tempo que están plantando unha nova árbore”.

As fotos de máis éxito das compartidas coa etiqueta #1foto1arbore serán expostas polas principais rúas do ensanche da cidade, empregando como soporte as propias árbores urbanas.

#1foto1arbore