Móvete

04 Mar 2021

O Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) conmemora este 2021 o seu 50 aniversario e co gallo desta celebración puxo en marcha o concurso de vídeo Móvete, destinado ao alumnado dos institutos de Galicia e das zonas de fala galega fóra de Galicia.
O obxectivo deste concurso é incentivar o uso do galego e, tamén, dar a coñecer o ILG entre a xente nova.

O prazo para a participación estará aberto ata o 31 de maio de 2021.

O concurso está dirixido a alumnado que estea cursando 3º, 4º da ESO, 1º ou 2º de Bacharelato e pódese participar en dúas modalidades, individual e en grupo.
Os vídeos que se presenten a Móvete deberán ser inéditos e orixinais e non poderán superar os dous minutos de duración nin os 300 MB de tamaño.
Os temas que se propoñen para a creación de pezas audiovisuais son Móvete co galego, Conmóvete co galego e Promove o galego.

O xurado elixirá un máximo de tres persoas e tres grupos finalistas por tema, valorando a calidade e orixinalidade da peza, así como o uso creativo das tecnoloxías e das ferramentas empregadas.

O premio para o mellor vídeo individual de cada tema consistirá nun teléfono móbil iPhone.
O premio para o mellor vídeo en grupo de cada tema será unha vídeo-cámara.
Os restantes finalistas recibirán un smartwatch (modalidade individual) e un lote de libros (modalidade de grupo). Ademais, os vídeos difundiranse a través das contas de Instagram e Twitter do ILG e a través da canle de YouTube do instituto, e a peza que obteña unha maior puntuación de acordo coas interaccións a que dea lugar ao longo de todo o concurso recibirá como premio unha tableta.

https://www.usc.gal/gl/xornal/novas/ilg-organiza-concurso-video-movete-gallo-50-aniversario