Formación para á mocidade

23 Feb 2021

A Cámara de Comercio da Coruña abriu o prazo de solicitudes para participar nos 125 cursos de formación que deseñou para complementar a formación da mocidade ao longo do primeiro semestre de 2021. Boa parte dos ditos cursos son iniciativas para facer avanzar á xuventude en empregabilidade e capacitación tecnolóxica.
 
En primeiro lugar, a entidade programou 112 cursos, subvencionados ao cen por cen, que se impartirán nas modalidades online e presencial e que están dirixidos a mozos e mozas inscritos no Sistema de Garantía Xuvenil e no Programa Integrado de Cualificación e Emprego (PICE) da Cámara.
 
As persoas interesadas poden cursar nesta modalidade online cursos sobre inglés, emerxencias sanitarias, xestión de residuos industriais, mercadotecnia dixital, formación de formadores, desenvolvemento de aplicacións 3D, AutoCAD 3D, linguaxe XML, mecanizado ou negociación de contratación internacional, entre unha extensa oferta.
 
A programación presencial inclúe, pola súa banda, cursos de dixitalización de negocios, deseño 3D, vixiante de seguridade, persoal de tenda e ecommerce, fotografía, repostaría, xeadaría e panadaría ou Excel para pequenas e medianas empresas e operacións financeiras, entre outros.
 
Todas as actividades previstas inclúen formación orientada á procura de emprego, como participar en procesos de selección, mellorar as habilidades persoais e sociais e a utilización de Internet.
 
Algúns deles, como o de Auxiliar de Reposición e Venda en Gran Superficie contan con prácticas en empresas con posibilidade de incorporación á mesma ao seu termo.

Para máis información, os interesados poden contactar coa Cámara no correo electrónico formacion@camaracoruna.com, chamando ao 981 21 60 72 o en http://www.camaracoruna.com/web/camara/masnoticias