I Programa de Residencias Artísticas FMJJ

16 Feb 2021

A Fundación María José Jove e o Espazo de Intervención Cultural da UDC, Normal, convocan o I Programa de Residencias Artísticas FMJJ

A idea fundamental é afondar nas relacións entre creación artística, pensamento crítico e participación social. Para iso proporcionarase aos/ás artistas o acceso a un espazo de traballo, acompañamento curatorial e recursos materiais e económicos para a produción de proxectos inéditos.

Obxectivos da convocatoria:
- Promover a investigación, creación e producción artística.
- Contribuír a fortalecer o contexto cultural galego, promovendo proxectos creativos de interese social vinculados á comunidade.
- Configurar contornas favorables para o desenvolvemento do pensamento crítico e da arte asociadas a aspectos como a identidade patrimonial, a ecoloxía ou o medio ambiente.
- Facilitar un achegamento horizontal aos novos modos de inserción no territorio, de lectura e interpretación do espazo paisaxístico, natural e rural contemporáneo.
- Fomentar valores de protección e difusión do patrimonio natural e cultural de Galicia, a través da arte contemporánea.

Poderán concorrer á presente convocatoria creadores/as de calquera nacionalidade ou procedencia xeográfica, vinculados/as ás artes visuais.

Normal e la Fundación María José Jove ofrecerán os seguintes recursos á persoa residente seleccionada mediante esta convocatoria:
- Espazo de traballo. A persoa residente contará cun espazo de traballo individual en Normal Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña. Ademais, disporá das súas instalacións en función das necesidades do proxecto.
- Aloxamento na residencia universitaria Rialta (A Coruña).
- Acompañamento durante o desenvolvemento do proxecto.
- Proxecto expositivo e difusión.

A dotación económica será de até 6.000 euros, 3.000 euros en concepto de honorarios e até 3.000 euros en concepto de gastos de produción e viaxe -previa xustificación de gastos. Ademais, cubrirase a estadía do/a artista seleccionado/a.

O prazo de presentación das solicitudes estará aberto ata o 8 de maio de 2021.
A inscrición e o envío da documentación realizarase a través do enderezo electrónico: normal.comunicacion@udc.gal

A residencia terá unha duración mínima dun mes, podendo ser prorrogada até un máximo de tres meses se así for solicitado pola persoa residente e tras ser avaliada por parte da organización a idoneidade da prórroga. A residencia poderá realizarse no período elixido pola persoa residente dentro do segundo semestre do ano.

https://www.udc.es/gl/novas/I-Convocatoria-do-Programa-de-Residencias-Artisticas-FMJJ-en-colaboracion-con-Normal/