Mulleres de portada

12 Feb 2021

Co gallo do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, xornada que lembra que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental na ciencia e na tecnoloxía e que a súa participación debe fortalecerse, a Consellería de Emprego e Igualdade estrea na Internet o proxecto Mulleres de Portada, que consiste nunha serie de entrevistas a mulleres galegas que foron galardoadas co premio María Josefa Wonenburger Planells, que outorga dende 2007 a Xunta de Galicia a través da Unidade de Muller e Ciencia.

Mabel Loza García. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2019

É licenciada en Farmacia pola USC, realizou a súa tese doutoral na Facultade de Medicina de Oviedo e completou a súa formación científica no Centro Médico Monte Sinaí de Nova York. Na actualidade é Catedrática de Farmacoloxía da USC, onde compaxina o labor docente e investigador. Dirixe o grupo de investigación BioFarma centrado na aplicación da farmacoloxía ao descubrimento de fármacos.


Alicia Estévez Toranzo. Premio María Josefa Wonenburger Planells 2018

Doutora en Bioloxía e licenciada en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Desenvolveu parte da súa formación postdoutoral nas universidades de Maryland e Oregón. É catedrática do Departamento de Microbioloxía e Parasitoloxía da USC. Codirixe o grupo de investigación en Patoloxía de Animais Acuáticos, Grupo de Referencia Competitiva da Xunta de Galicia. É membro da Real Academia Galega de Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia.

Máis información:  http://igualdade.xunta.gal/gl/actualidade/dia-internacional-das-mulleres-e-nenas-na-ciencia-2021