Axudas á mocidade para a compra de vivenda

02 Feb 2021

O Instituto Galego da Vivenda e Solo convoca axudas á mocidade para a adquisición de vivenda:

- Subvencións para a adquisición de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes, que se tramitarán co código de procedemento VI435A.
- Subvencións para a adquisición de vivenda nos centros históricos, que se tramitarán co código de procedemento VI400A.

Requisitos das persoas:
Persoas mozas maiores de idade que, teñan menos de 35 anos na data de presentación da correspondente solicitude, e reúnan os seguintes requisitos:
1. Posuír a nacionalidade española ou, no caso de seren estranxeiras, ter a residencia legal en España.
2. Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a súa unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a tres veces o IPREM*.
Este límite será de catro veces o IPREM* se se trata dunha familia numerosa de categoría xeral ou se dentro da súa composición existen persoas cunha discapacidade distinta das sinaladas a continuación. O referido límite será de cinco veces o IPREM* cando sexa unha familia numerosa de categoría especial ou na súa composición existan persoas con algunha das seguintes discapacidades:
  - Parálise cerebral, enfermidade mental, discapacidade intelectual ou discapacidade do desenvolvemento, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.
  - Discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
3. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude, para o caso de dispoñer de escritura pública de compravenda formalizada con anterioridade á data da presentación da correspondente solicitude.
4. Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español.
5.  Ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021 un contrato privado ou, de ser o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda.

Requisitos da vivenda:
1. Que a vivenda estea localizada nun concello pertencente ao territorio da Comunidade Autónoma de Galicia de menos de 5.000 habitantes, (procedemento VI435A)
2. Que a vivenda estea situada no ámbito dun centro histórico, (procedemento VI400A)
3. Que se trate dunha vivenda xa construída, tanto vivenda nova como usada.

Requisitos do prezo de adquisición da vivenda:
1. Que o prezo de adquisición da vivenda, incluídos os seus anexos, sen os gastos e tributos inherentes a ela, sexa igual ou inferior a cen mil euros.
2. No caso de subvencións para a adquisición de vivenda en centros históricos, que o prezo de adquisición da vivenda, no caso de que estea situada no ámbito dun centro histórico dos concellos da Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo, non supere o prezo máximo previsto para as vivendas de protección autonómica de réxime concertado nos municipios de prezo máximo superior, computando unha superficie útil de 120 m² e sen incluír os gastos e tributos inherentes á dita adquisición. Este prezo máximo incrementarase nun 8 % no suposto de dispoñer de garaxe e nun 2 % no suposto de dispoñer de rocho.

As solicitudes tramitaranse preferiblemente en https://sede.xunta.gal/portada cos procedementos VI435A e VI400A
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o o 1 de setembro de 2021
Máis información no DOG do 2 de febreiro de 2021 e en http://igvs.xunta.gal/

*IPREM 2021: 564,90 €