Piano solo entre árbores

25 Xan 2021

O pianista galego Abe Rábade, unha das grandes figuras do jazz estatal e internacional, protagoniza unha das máis singulares actividades adheridas ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, impulsado pola Secretaría de Política Lingüística. pianosoloplay

Esta actividade é un concerto, Piano solo entre árbores, que pode verse dende xa no Portal da Lingua Galega.

Abe Rábade interpreta no audiovisual un repertorio seleccionado e traballado durante o confinamento, que inclúe as seguintes pezas: Liberación, Desexo, Ham-Dam. Improvisation e Freixo.

O concerto foi gravado ao aire libre, nun espazo arborado da parroquia rianxeira de Asados, o 4 de novembro de 2020.

A interpretación das catro composicións sinaladas vai precedida dunha presentación a cargo do músico.

O autor
O pianista e compositor Abe Rábade (Santiago de Compostela, 1977) licenciouse cum laude en 1999 en Jazz Composition e Piano Performance polo Berklee College of Music de Boston (EEUU) e actualmente é profesor de dous conservatorios de música superiores de Galicia e de Portugal, ademais de ofrecer clases maxistrais en distintos centros da Península Ibérica.
Publicou 14 discos como líder, tres composicións para grandes formatos e outras tres poético-musicais. Recibiu unha decena de premios e actúa habitualmente con figuras de recoñecido prestixio internacional en múltiples concertos e festivais de todo o mundo.

O audiovisual Abe Rábade. Piano solo entre árbores forma parte dos recursos dixitais do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, un repositorio de contidos creativos de interese cultural en lingua galega creado pola Xunta no marco do Plan de reactivación do sector cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19.

Piano solo entre árbores