Digicraft no teu cole

14 Xan 2021

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Educación convoca a selección de centros de educación para participar no proxecto Digicraft no teu cole no marco do Plan Digitalent durante os cursos 2020/21 e 2021/22.

Idades: 6-12 anos

Os centros educativos poden facer a solicitude ata o 26 de xaneiro de 2021

DigiCraft no teu cole ten por obxectivo potenciar o desenvolvemento da competencia dixital a través de:

- Formación para os educadores/profesores para que poidan impartir o programa nas aulas
- Acceso aos materiais descargables para o desenvolvemento das actividades recollidas no programa (plataforma Web  DigiCraft)
- Dotación de material para cada centro, que permita a docentes e alumnado desenvolver as actividades establecidas (12 tablets e 2 kits tecnolóxicos “Instant Dixital Skills”)
- Soporte dispoñible para calquera incidencia relacionada coa plataforma web ou a posta en marcha das actividades.

Os centros educativos elixirán en que modalidade adherirse ao proxecto: dado que a competencia dixital atópase presente en todo o currículo educativo de primaria, a proposta formativa pode ser impartida tanto en horario escolar, no marco dunha materia ou materias específicas, como en horario extraescolar, como complemento á actividade formal. En concreto, en cada curso académico impartiranse 2 itinerarios formativos de 14 horas de duración cun total de 28 horas de actividade.

Este programa está baseado na metodoloxía  DigiCraft, unha metodoloxía de aprendizaxe específica baseada no xogo e a experimentación para axudar aos nenos e nenas a adaptarse á sociedade dixital en rápida evolución e para mostrarlles as posibilidades que o mundo dixital ofrece.

DOG do 14 de xaneiro de 2021
https://digitalent.xunta.gal/es/iniciativa/digicraft-no-teu-cole