Formación tecnolóxica avanzada no concello se Santa Comba

13 Xan 2021

Axuda en Acción vai organizar un laboratorio de oportunidades e formación tecnolóxica avanzada no concello se Santa Comba, en colaboración co Goberno local.
 
Trátase da iniciativa XallasL@b, que ten o obxectivo de ofrecer á xente nova unha oportunidade de mellorar a súa aprendizaxe, espertar vocacións investigadoras e tecnólogas e, en última instancia, mellorar currículos. Outro dos obxectivos é “reducir a fenda dixital e previr o abandono prematuro do sistema educativo de adolescentes en situación de vulnerabilidade social”.

Achegarase formación en novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) a mozas e mozos locais, orientación educativa, fomento de vocacións STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) e oportunidades para a integración socio-tecnolóxica.

Os labs de experimentación e ensino de Axuda en Acción serán espazos alternativos e gratuítos de aprendizaxe que se crearán nun espazo municipal, o Edificio Multiusos de Santa Comba, e irán destinados a estudantes de entre 12 e 19 anos.

Os obradoiros incluirán un completo equipamento (computadores portátiles, impresora 3D, cámara de vídeo, kits de robótica, etc) e servirán para fomentar o ensino en novas ferramentas, deseño e impresión 3D, programación web ou robótica.

As actividades desenvolveranse a partir do 3 de febreiro, de mércores a venres polas tardes, en horario de 17.30 a 19.00 horas.

Máis información na OMIX de Santa Comba, teléfono 981 81 87 10 e tamén nos teléfonos 981 104 309 e 672 340 327 ou do correo electrónico informacion.galicia@ayudaenaccion.org.

O prazo de inscrición estará até o 20 de xaneiro.