Axudas para estudos universitarios por causa sobrevida e por COVID-19

12 Xan 2021

A Consellería de Educación convoca axudas destinadas ao alumnado que curse estudos universitarios conducentes ao título de grao, no curso académico 2020-2021, nas universidades de Galicia, cunha necesidade urxente de recursos económicos motivada por causas sobrevidas e imprevistas ocorridas durante o actual curso académico ou por unha situación derivada da COVID-19 que lle impida ou dificulte a continuidade dos seus estudos.

Requisitos das persoas solicitantes:
1. Causas sobrevidas no curso académico 2020/21.
a) Necesidade urxente de recursos económicos para paliar a situación de emerxencia derivada dunha causa sobrevida e imprevista ocorrida no actual curso académico: orfandade absoluta; situación de desemprego, falecemento, falta de pagamento acreditada por denuncia ou sentenza de pensións alimenticias nos casos de separación ou divorcio, enfermidade grave, recoñecemento de incapacidade permanente absoluta para todo traballo dalgún dos sustentadores principais da unidade familiar; condición de emigrante retornado; vítimas de violencia de xénero; vítimas de actos terroristas e outras circunstancias non recollidas que, sendo debidamente acreditadas, repercutan na situación socioeconómica familiar).
b) Que a situación sobrevida e imprevista acontecese durante o actual curso académico 2020/21. Entenderase por curso académico o comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

2. Causas xurdidas como consecuencia da COVID-19.
Que algún dos sustentadores principais da unidade familiar estean en situación de desemprego, en Expediente Temporal de Regulación de Emprego (ERTE) ou en calquera outra situación que supoña unha merma económica ou laboral como consecuencia directa da COVID-19.

Requisitos en xeral
a) Estar matriculado, no curso académico 2020/21, como mínimo en 50 créditos, incluídos os créditos recoñecidos, en estudos universitarios conducentes a unha titulación de grao, en calquera das universidades do Sistema universitario de Galicia, agás o alumnado ao que lle reste un número inferior de créditos para rematar os seus estudos que deberá de estar matriculado como mínimo de 30 créditos, incluídos tamén os créditos recoñecidos.
b) Que a renda per cápita da unidade familiar non sexa superior ao importe anual da pensión non contributiva individual que estableza a lei de orzamentos xerais do estado para o ano 2021 multiplicada por 1,50.

Prazos:
- Se a causa sobrevida e imprevista aconteceu con anterioridade á publicación desta axuda , o prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o 12 de fereiro de 2021.
- Se a causa sobrevida e imprevista acontece con posterioridade á publicación desta axuda, o prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde que aconteceu a causa sobrevida sendo. Nestes casos, a data límite para a presentación das solicitudes será o 31 de xullo de 2021

As solicitudes poden presentarse en https://sede.xunta.es/ co procedemento ED433A
Máis información no DOG do 12 de xaneiro de 2021 e en orientacion.sug@edu.xunta.es
http://www.edu.xunta.gal/portal/