O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña presentou o día 3 de decembro, Día Internacional das Persoas con Discapacidade, o proxecto Talentos Inclusivos, desenvolto en colaboración con ASPACE Coruña e apoio do Consello Social da UDC.
A iniciativa Talentos Inclusivos ten o obxectivo de fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e visibilizar a problemática coa que se encontran no día a día as persoas con diversidade funcional.
Para isto, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que o alumnado participante deberá aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas con diversidade funcional.
Os centros educativos que xa confirmaron a súa implicación son: IES Miraflores (Oleiros), Colexio Calasanz PP. Escolapios (A Coruña), IES Terra de Trasancos (Narón), IES de Ortigueira, IES Sofía Casanova (Ferrol), Colexio Salesianos San Juan Bosco (A Coruña) e IES David Buján (Cambre).
Os alumnos de Tecnoloxía destes institutos procurarán ao longo do curso escolar desenvolver e aplicar unha solución tecnolóxica ás diferentes problemáticas diarias expostas polos usuarios de ASPACE Coruña. O alumnado estará asesorado por un equipo de 20 investigadores do CITIC, á súa vez profesores da Facultade de Informática, xunto con terapeutas ocupacionais, fisioterapeutas e logopedas de ASPACE Coruña. Facilitar o cambio de canais de televisión nun mando a distancia ou evitar obstáculos as cadeiras de rodas mediante un sistema de avisos son algúns dos retos propostos.
Máis información no CITIC e en ASPACE
https://www.aspacecoruna.org/proyecto_talentos_inclusivos_aspace_citic_udc.html
Video do acto de presentación