Xa está aberta a convocatoria para unha nova edición do Parlamento Xove!
O Parlamento Xove é unha competición na que os diversos equipos inscritos investigarán e debaterán sobre un tema formulado pola organización. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, ‘a favor’ ou ‘en contra’, en relación á cuestión formulada.
O obxectivo deste programa é potenciar as habilidades individuais e en grupo, entre as que destacan o desenvolvemento da capacidade de selección de información, a expresión escrita, a expresión oral, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia. Así mesmo, Parlamento Xove fomenta a lectura, a escritura, o emprego das novas tecnoloxías con fins informativos e culturais e o respecto polas ideas dos demais.
O programa estrutúrase nas seguintes categorías:
- Categorías escolares (ESO e Bacharelato)
Poderán participar os centros educativos de 3º e 4º de Educación Secundaria Obrigatoria e 1º e 2º de Bacharelato.
Os equipos inscritos estarán formados por 4 alumnos/as e un/unha profesor/a que será o/a corrdinador/a. En total poderán participar 48 equipos (24 por cada categoría).
O programa realizarase en dúas fases, unha primeira clasificatoria da que xurdirán 8 equipos gañadores, que se enfrontarán nunha segunda fase final. Paralelamente, desenvolverase un concurso voluntario de artigos de investigación sobre o tema formulado.
O tema de debate desta primeira fase clasificatoria será: Debería un estado establecer como obrigatoria a vacinación entre a súa poboación?
- Categoría de Universidades:
Poderán participar mozos e mozas estudantes de grao dos sete campus universitarios das tres universidades galegas matriculados/as no curso académico 2020-2021.
Nesta categoría, que non ten fase clasificatoria, poderán participar un máximo de 8 equipos. O equipo de debate estará formado por un mínimo de 2 estudantes e un máximo de 4.
PREMIOS
Os premios serán unha viaxe valorada en 5.000 euros para cada un dos equipos gañadores das categorías escolares e en 2.500 € para o equipo gañador da categoría universitaria. Así mesmo, contarán cunha mención especial e cun agasallo os/as mellores oradores/as e os mellores artigos de investigación en cada unha das categorías.
REGULAMENTO E INSCRICIÓN
Descarga o Regulamento do programa para a coñecer todo o necesario sobre o proceso de inscrición e a competición: (PDF)
Formulario de participación (aberto desde o 10 de decembro de 2020 ata o 15 de xaneiro de 2021):
+ Formulario de participación ESO/Bach
+ Formulario de participación Universidade
Consulta as túas dúbidas no correo parlamentoxove.xuventude@xunta.gal ou nos teléfonos 981 545 702 e 981 544 645.
Máis información en http://xuventude.xunta.es/parlamento-xove