Campaña contra a violencia de xénero desde o IES Saturnino Montojo de Ferrol

26 Nov 2020

         MÁIS ALTO CA NUNCA: QUERÉMONOS LIBRES E VIVAS.

    DESENMASCAREMOS AOS MALTRATADORES

 

Moitas mulleres son maltratadas e ata asasinadas por parte de homes, polo que o día 25 de novembro é conmemorado para darlle voz ás que máis sofren. Nós, correspondentes do IES Saturnino Montojo, queremos unirnos a esa iniciativa participando en múltiples proxectos:

- Primeiro de todo, creamos este lema, consensuado polo equipo de Correspondentes Xuvenís do IES Saturnino Montojo, para lembrar a todas as mulleres que nestes momentos tan críticos están a sufrir a violencia de xénero que non están soas. Utilizamos o termo “desenmascarar” dándolle un dobre sentido: quen son, xa que nos medios nunca se mostran os datos íntegros deles pero das mulleres si, e tamén como son e como as tratan (aproveitando tamén a palabra para facer unha mención á situación pandémica). Por outra parte, empregamos a primeira persoa de plural porque esta lacra aféctanos a todas e todos e nunca deberiamos velo como simples observadoras, senón que debemos actuar construíndo unha sociedade máis xusta e activa.

- Asemade emprendemos unha nova iniciativa na plataforma TikTok subindo vídeos reivindicativos representando escenas comúns destas inxustizas mediante diferentes hashtags como #desenmascaremosaosmaltratadores ou #libresevivas. Serán gravados tamén en diferentes partes do instituto coma na entrada, no patio ou corredores. Estes vídeos finalmente serán compartidos a través das nosas contas doutras redes sociais coma Twitter  ou Instagram. Incluiremos o número 016, que atende situacións exclusivamente de violencia de xénero.

Pensamos que é necesario concienciar á xente de todo o que está a ocorrer e loitar para que nun futuro próximo as mulleres poidamos vivir sen medo e a sociedade sexa máis xusta.

Campaña en TikTok