A Universidade de Vigo participa nun proxecto internacional que fomenta a aprendizaxe baseada en videoxogos para o alumnado de enxeñaría e economía.
A idea é retar aos estudantes a resolver retos complexos: medioambientais, sostibilidade...
A iniciativa, na que participa a UVigo con outros cinco socios, chámase Higher Education Re-engineering through Active Learning for Growth e baséase nas vantaxes da gamificación para que as e os estudantes combinen habilidades de diversas materias e sexan quen de resolver algúns dos principais problemas aos que se enfronta a sociedade actual, problemas que van dende o medre sustentábel á mitigación do cambio climático, pasando pola loita contra a pobreza ou cuestións relacionadas con saúde mundial.
‘Xogando’ a resolver retos reais das cidades
A proposta que se está a desenvolver por parte do equipo de HERA é un xogo baseado nunha cidade virtual, tipo o popular videoxogo SimCity, no que poden participar varios xogadores, cada un deles nun rol específico e no que teñen que conseguir acadar determinados obxectivos, para o que precisan coordinarse e ter en conta as problemáticas e casuísticas dun escenario particular. “Por exemplo: mellorar a reciclaxe e os temas de compostaxe e a economía circular nunha cidade”, explica Caeiro.