Dixicontos

19 Nov 2020

Baixo o título de “Dixicontos", a Biblioteca Municipal do concello de Ames inicia unha serie de sesións de conta contos na rede que emitirá até finais de ano todos os mércores, ás 17:00 horas.
Os usuarios e usuarias poderán acceder a esta actividade a través da páxina de facebook da biblioteca.
 
As animadoras á lectura da Biblioteca Municipal de Ames, Bibiana Fernández e Divina Calvo, asomaranse cada mércores a fiestra do facebook das bibliotecas para seguir animando á rapazada amesá a ler, escoitar e desfrutar das historias que contan os libros. Farano a través da rede, ampliando ademais deste xeito as posibilidades de aforo ilimitado que supón esta vía de comunicación.

Non é a primeira vez que a Biblioteca Municipal leva a súa actividade de contacontos á rede. Desde o mes de abril e até mediados de xuño de 2020, durante o período de confinamento, as actividades de animación á lectura víronse absolutamente limitadas. Nesa ocasión, as animadoras á lectura das bibliotecas realizaron 3 contacontos virtuais á semana que se retransmitiron os luns, mércores e venres, tamén a través do facebook do departamento.

Os 30 vídeos realizados nesta época seguen accesibles para todas aquelas persoas que os queiran ver na páxina de facebook da biblioteca.

https://m.facebook.com/Biblioteca-Municipal-de-Ames-114875005225367/