Visitas virtuais aos museos científicos da Coruña

10 Nov 2020

A Casa das Ciencias, a Domus e o Aquarium Finisterrae desenvolveron un conxunto de actividades para os grupos escolares que desexen visitalos e gozar das súas experiencias sen saír da aula. As visitas virtuais, que se realizarán a través dunha aplicación de videoconferencia, permitirán ademais interactuar coa aula a través do vídeo ou do chat. As actividades están abertas a todos os centros educativos de España, aínda que se lle dará prioridade os colexios da cidade.

A Domus ofrece un completo programa de talleres que inclúen diseccións en directo de corazón, de ollo e de flores, así como visitas virtuais á exposición sobre nutrición, acompañadas de xogos interactivos e experimentos.

No Aquarium Finisterrae haberá visitas guiadas á sala Maremagnum, deténdose nos ecosistemas mariños dos grandes acuarios, e na vida intermareal da Charca das Caricias. Tamén haberá unha visita á sala Nautilus, onde se poderá coñecer aos peixes de maior tamaño que nadan alí, como as quenllas, corvinas, douradas, robalizas e meros, así como os bancos de cabalas e xurelos.

Na Casa das Ciencias poderase descubrir, realizando unha conexión en liña desde a exposición «Puro Swing», os experimentos con péndulos de Galileo e Foucault que cambiaron a historia da ciencia. Unha oportunidade para comprender o secreto do botafumeiro, mirar como a gravidade fai debuxos xeométricos e aprender a facer maxia con varios péndulos axustados.

Estas visitas virtuais serán gratuítas para todos os grupos escolares que as soliciten, e estarán dispoñibles para todos os niveis educativos.

Toda a información e os formularios de solicitude de visita están nesta dirección:  https://www.coruna.gal/mc2/gl/visitas-escolares