Galiciencia en liña

09 Nov 2020

O Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) celebrará Galiciencia no mes de decembro, en formato en liña debido ás restricións provocadas pola actual situación sanitaria.

Este certame científico diríxese a estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Nesta edición, que se celebrará baixo o lema  A innovación do futuro, amosarase cara a onde camiña a innovación, cales serán os recursos e procesos que se utilizarán para levar a cabo esa innovación, en que ámbitos da vida se desenvolverá máis e que melloras proporcionará á sociedade ou mesmo as desvantaxes que pode supor.

Os rapaces e rapazas xa poden enviar os seus proxectos a www.galiciencia.online. Desde Tecnópole agardan “propostas imaxinativas, proxectos innovadores e novas ideas por parte do alumnado participante”; que, como en feiras anteriores, complementaranse con actividades, obradoiros, espectáculos de ciencia e desafíos, que versarán tamén sobre a innovación do futuro.

Equipos de Secundaria, Bacharelato e FP competirán polo premio final do certame e fóra de competición poden participar estudantes de Primaria e Educación Especial.

Como principal novidade nesta edición, en consonancia coa temática deste ano e coa actividade de Tecnópole de promoción do STEM feminino, o premio especial da Galiciencia 2020 será para o mellor proxecto liderado por unha rapaza ou para o mellor traballo relacionado co fomento da igualdade de xénero na contorna da I+D+i.

Os/as participantes na competición de proxectos da Galiciencia buscarán situarse entre os tres finalistas. O que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1.000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona.
O segundo equipo clasificado recibirá un apoio económico de 500 €, o que lle permitirá participar na Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para participar no programa de actividades organizadas polos Museos Científicos Coruñeses con motivo da Semana da Ciencia.

https://www.galiciencia.online/