Axudas a estudantes da USC

21 Out 2020

A Universidade de Santiago de Compostela, tendo en conta a situación xerada como consecuencia da pandemia que estamos sufrindo, implementa un amplio programa de axudas dirixido a facilitar o acceso e a permanencia nos estudos que oferta.

O obxectivo é atender solicitudes de axudas para estudantes cunha situación económica, social ou familiar que poida influir negativamente na continuidade dos seus estudos universitarios.

Bonos de comedor:
As axudas de comedor teñen por obxecto sufragar parcialmente os gastos de alimentación mediante a emisión de bonos de comedor intercambiables por un menú diario na franxa horaria do mediodía, nos días e períodos lectivos segundo o calendario escolar do curso 2020/2021.

Os bonos poderán ser utilizados nas cafeterías e comedores universitarios

Equipos informáticos:
O préstamo de material informático para o adecuado desenvolvemento da docencia non presencial é a terceira liña de axudas ofertada pola USC neste curso. Esta convocatoria ten como obxecto cubrir as necesidades do alumnado que non dispoña dos recursos materiais necesarios para o seguimento da docencia e/ou preparación das avaliacións, sexan de equipos informáticos ou dispositivos que permitan a conexión necesaria aos servizos de internet.

Docencia virtual
Asemade, a Universidade tamén acaba de convocar axudas para que o alumnado dispoña de conexión a internet suficiente e adecuada para poder empregar as ferramentas virtuais. O obxecto destas axudas é o cofinanciamento de servizos de internet coa finalidade de que os mozos e mozas poidan acceder ao contido do Campus Virtual e demais ferramentas didácticas necesarias para a súa actividade académica. O período subvencionable abarcará o gasto realizado desde o 21 de setembro ao 16 de xullo de 2021

https://www.usc.es/gl/xornal/novas/programas-axudas-usc-mor-covid-19-incorporan-lina-garantir-manutencion-alumnado