Plan de formación da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado

16 Out 2020

A Dirección Xeral de Xuventude oferta unha segunda edición do Plan de formación conxunto para a mocidade, os profesionais do eido do tempo libre e as persoas voluntarias de Galicia coa finalidade de ofrecer opcións de formación en materia de educación non formal e de voluntariado no segundo semestre deste ano.

O Plan está conformado por 27 cursos, 22 deles en liña e 5 presenciais, cun total de 1.530 prazas, orientados á formación especializada e específica en materia de voluntariado nas seguintes áreas: perfeccionamento (que complementa ao básico ofertado no primeiro trimestre) e competencias adquiridas en materia de voluntariado, lingua de signos, formación en igualdade para prevención e afrontamento da violencia de xénero, voluntariado ambiental, voluntariado en situacións de emerxencia, voluntariado corporativo ou mesmo voluntariado dende os centros educativos. Así mesmo, no ámbito da xuventude, as accións formativas céntranse no eido dixital, a comunicación, o márketing, a preparación para o ámbito laboral, o eido educativo, o tempo libre e técnicas de mellora emocional.

Os formularios de inscrición (un por cada curso) estarán dispoñibles na páxina web de Voluntariado (voluntariadogalego.org) nas seguintes datas:
- venres 16 de outubro no caso dos cursos de voluntariado.
- martes 20 de outubro no caso dos cursos de xuventude.

Para ambos casos, a selección dos participantes será por rigoroso orde de inscrición, sempre e cando se cumpran os requisitos. Así mesmo, unha mesma persoa pode apuntarse a máis cursos se cumpre os requisitos.

Como realizar a inscrición nun curso?
Hai tres opcións. Revisa antes cal é o teu caso para ir máis áxil e certeiro coa inscrición:
1. No caso de ser alumno/a xa inscrito/a con anterioridade no Campus en Liña de Voluntariado: debes matricularte aos cursos a través do panel de alumno premendo no espazo "subscrición a outros cursos on line".
2. No caso de ser alumno/a novo/a, non inscrito/a no Campus en Liña: debes cubrir a ficha dun dos cursos no que queiras matricularte, ir ao teu correo e validar a ligazón que che envía a plataforma. Unha vez esteas dado de alta como alumno/a na plataforma terás que entrar coas túas claves ao Campus e matricularte aos cursos dende o panel de alumno/a.
3. No caso dos cursos que se desenvolven en plataformas externas: debes cubrir a ficha correspondente e validar o correo que se che envía.

https://voluntariadogalego.org/novas/plan-de-formacion-da-direccion-xeral-de-xuventude-participacion-e-voluntariado-segundo