Premios de Poesía e Xornalismo Johán Carballeira

29 Xul 2020

O Concello de Bueu convoca o XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira e o XVIII Premio de Xornalismo Johán Carballeira

XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira

Poderán concorrer calquera persoa maior de idade que presente os seus orixinais escritos en lingua galega. Os textos, cuxa extensión deberá superar os 400 versos, terán que ser inéditos e non estar premiados en anteriores convocatorias do premio nin en ningún outro concurso de poesía (de suceder isto con posterioridade á presentación dos traballos, o/a autor/a deberá comunicarllo inmediatamente á organización).

A presentación dos traballos poderase facer mediante dúas formas:

En papel: De cada traballo teñen que presentarse 3 copias en tamaño folio, mecanografadas a dobre espazo, numeradas e grampadas ou encadernadas. Estas deberán vir identificadas cun título e/ou lema. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación “XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira”, no seguinte enderezo:
Concello de Bueu
Rúa Eduardo Vincenti 8
36930 Bueu (Pontevedra).
No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase outro sobre pechado, identificado tamén con título e/ou lema, coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico, así como unha declaración xurada na que se manifeste que o seu relato é orixinal, inédito e non premiado con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. O selo que certifique a data de envío deberá de ser visible.

En formato dixital: mediante CD que incluirá na cuberta “XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira”, título da obra e un lema ou pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; nun arquivo de tratamento de texto Word, OpenOffice ou PDF. A obra presentarase baixo o sistema de plica polo que se enviará un sobre á parte en cuxo exterior conste: “XXIV Premio de Poesía Johán Carballeira”, o título da obra e un lema ou o pseudónimo da persoa que sexa a súa autora; no interior incluirase o título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico, así como unha declaración xurada na que se manifeste que o seu relato é orixinal, inédito e non premiado con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. O selo que certifique a data de envío deberá de ser visible.

O prazo de presentación dos orixinais estará aberto ata o 31 xaneiro de 2021.

O premio terá unha dotación única de 1.500 € e inclúe ademais a publicación da obra gañadora por parte do Concello de Bueu. A obra publicarase con Edicións Xerais de Galicia.


XVIII Premio de Xornalismo Johán Carballeira

O certame está aberto a traballos de temática libre pertencentes a calquera xénero xornalístico, publicados con firma ou pseudónimo entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020. Poderán concorrer a el tódalas persoas físicas maiores de idade que presenten os seus traballos, os cales deberán ter sido publicados en medios impresos ou dixitais, escritos en lingua galega.

Aceptarase un só traballo por autor/a.

A presentación dos traballos poderase facer mediante dúas formas:

En papel: De cada traballo teñen que presentarse un orixinal e 3 copias da páxina ou páxinas completas da revista ou xornal que acolleu a súa publicación. As obras presentaranse en sobre pechado, coa indicación “XVIII Premio de Xornalismo Johán Carballeira”, no seguinte enderezo:
Concello de Bueu
Rúa Eduardo Vincenti 8
36930 Bueu (Pontevedra).
No interior do sobre, ademais dos traballos, achegarase unha folla coa seguinte información: Título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo e número de teléfono e correo electrónico. No caso de presentar un traballo publicado nun medio dixital remitirase ademais a ligazón do enderezo web no que se atopa o dito traballo. O selo que certifique a data de envío deberá de ser visible.

En formato dixital: mediante CD que incluirá na cuberta “XVIII Premio de Xornalismo Johán Carballeira” e título da obra, nun arquivo de tratamento de texto Word, OpenOffice ou PDF. Noutro documento constará título do traballo, nome do/a autor/a, DNI ou pasaporte, enderezo, número de teléfono e correo electrónico. No caso de presentar un traballo publicado nun medio dixital remitirase ademais a ligazón do enderezo web no que se atopa o dito traballo.

O prazo de presentación dos orixinais estará aberto ata o 31 xaneiro de 2021.

O premio terá unha dotación única de 1.500 €

Máis información no BOP de Pontevedra do 29 de xullo de 2020 e en www.concellodebueu.gal