O programa “Imaxina Atlántica” convoca un concurso de arte dixital a nivel europeo aberto aos participantes galegos

13 Xun 2012

Os equipos de traballo deberán ser transnacionais e, polo menos, un dos seus membros deberá residir nun dos territorios de “Imaxina Atlántica”: Poitou-Charantes (Francia); Gales do Norte (Reino Unido); a rexión norte de Portugal e Galicia

A contía dos premios finais –que serán entre 8 e 6- oscilará entre os 2.000 e os 3.500 euros

As obras finalistas serán presentadas en Angoulême (Francia) en decembro, e en 2013 as obras percorrerán diferentes cidades das administracións provinciais e rexionais que participan no proxecto

O programa de cooperación interrexional “Imaxina Atlántica” vén de convocar un concurso de arte dixital a nivel europeo que está aberto a escolas, estudantes, artistas e novos profesionais. A data límite de inscrición dos equipos participantes é o próximo 3 de setembro.

Para participar nesta iniciativa, os interesados deberán constituír equipos de traballo transnacionais e, polo menos, un dos seus membros deberá residir nalgún dos territorios de “Imaxina Atlántica”: Poitou-Charantes (Francia); Gales do Norte (Reino Unido); a rexión norte de Portugal e Galicia.

O obxectivo desta medida é favorecer a cooperación, o intercambio de experiencias e o traballo conxunto de estudantes e artistas procedentes de diferentes países da Unión Europea.

As obras que se presenten deberán estar enfocadas para a súa integración nun espazo urbano, e poderán integrar son, imaxe, animación e novos medios. Os criterios de selección para o concurso terán en conta a orixinalidade da obra, a contemporaneidade, a calidade técnica e de execución, a pertinencia do enfoque e a consecución da valorización do patrimonio no que sexan instaladas.

Trala selección, haberá entre seis e oito premios finais. O primeiro deles estará dotado con 3.500 euros; o segundo, con 3.000; o terceiro con 2.500; e os seguintes con 2.000 euros. As obras finalistas serán presentadas en Angoulême (Francia) en decembro deste ano, durante a conferencia intermedia de Imaxina Atlántica. En 2013, as obras percorrerán diferentes cidades das administración provinciais e rexionais que participan neste proxecto.

O programa “Imaxina Atlántica” busca crear unha rede atlántica de profesionais das tecnoloxías da imaxe. Para conseguilo, promove os intercambios profesionais, o achegamento do turismo ás novas tecnoloxías, a organización de seminarios ou a promoción dun clúster a escala internacional. A aposta pola creatividade xuvenil como fórmula previa ao emprendemento é un dos obxectivos da Estratexia Xuventude 2013.

As bases da iniciativa pode consultarse no apartado de programas da Unión Europea do portal http://xuventude.xunta.es.